Neste derradeiro caderno da colección, trabállanse os grupos br, bl, pr, pl, gr, gl, fr, fl, cr, cl, dr e tr. Partimos da discriminación visual e auditiva para continuar coa representación gráfica das sílabas ás que dan orixe estes grupos.
Introdúcese a letra de imprenta á hora de ofrecer algúns textos, a pesar de que os alumnos continúen utilizando a letra ligada ao escribir, cousa que non sempre se fará dentro das pautas, senón que optaremos tamén pola liña de puntos.
O adianto que fixeran os alumnos no proceso de aprendizaxe da lectoescritura permitirá avanzar no nivel de dificultade das actividades propostas. Deste xeito, presentaremos textos máis longos en enfatizaremos máis na lectura e na escritura.
Seguimos mantendo as adiviñas, os trabalinguas, os textos populares, pero tampouco esquecemos introducir fragmentos de diferentes poetas. A partir dos textos propóñense actividades para completar frases, interpretación gráfica do significado, etcétera.
Completamos o método coa introdución das grafías j, k, w e y, presentes en moitos préstamos, coas que posiblemente xa estean familiarizados moitos dos nosos alumnos e alumnas.
Como nos cadernos anteriores, engadimos unha páxina de recortables para a confección das fichas que os requiran.
A última narración intenta mesturar a festa dos personaxes do conto coa festa que podemos organizar na escola para celebrar o triunfo sobre a lectura e a escritura.