Argumento de Introdución ás Relatividades de Einstein
É posíbel viaxar no tempo? Podemos ordenar absolutamente todo o que observamos nun pasado, presente e futuro? En ciencia, empregamos teorías e modelos para explicar os feitos observados e as leis científicas que obtemos da experimentación.
No libro preséntanse, evitando os formalismos matemáticos propios, os modelos que, ao longo da historia, construímos como resposta á ampliación das nosas escalas de observación, así como diversos feitos que requirían explicación. Einstein tivo un papel protagonista nas dúas últimas teorías; a que hoxe coñecemos como «relatividade restrinxida» ten condicións de uso concretas e el mesmo, unha década máis tarde, ampliou o marco cunha teoría xeral.
Atendendo a certos requirimentos (aquí xógase coa idea da vaca esférica), podemos empregar un modelo ou outro máis afinado; pero é evidente que estas relatividades supoñen un fondo cambio na nosa comprensión de conceptos básicos como, por exemplo, «o fluír do tempo». A relatividade xeral explica, ademais, como funciona a gravitación e, sen esquecer o cuántico, é base da Cosmoloxía moderna e inicio da que podería ser, no futuro, unha nova teoría (gravidade cuántica, supercordas?).0