Argumento de Círculo
Círculo é un libro continuo e pechado sobre si mesmo, como a serpe Uroboros que se morde o rabo, e que encerra o mundo terríbel e marabilloso, múltiple e repetido. Un libro coma unha burbulla, un vaso hermético que contén nun éter de melancolía as historias que forman o argumento da vida. Tic-Tac foi unha expresión de ansia e a anguria polo paso do tempo, a vida baixo o signo da desesperanza: Círculo reflicte o transcorrer do tempo, a vida que acepta a existencia da morte dentro de si. Círculo é tamén o retorno de Nano, ese parvo lúcido que coa súa ollada melancólica e desconcertante ilumina ángulos escuros da existencia. Con esta obra, Suso de Toro sorpréndenos unha vez máis, consegue outra volta de torca e vólvenos atrapar no seu mundo tecido cos fíos invisíbeis de emocións profundas e perturbadoras. Para Suso de Toro a forma de Círculo é a dunha serpe que morde o rabo, a serpe Uroboros dos alquimistas, o círculo. Quixen, como en Tic-Tac, resumir a existencia, só que nunha visión distinta. Alí quixen representar a vida como traxedia agónica, a vida cruel de dous modos, vivíndoa sen esperanza, desesperadamente. Aquel era libro moi masculino en moitos sensos. Aquí, pola contra, quixen que expresase outra visión da vida máis reconciliada e que xa veño intentando expresar nas últimas novelas, unha vida na que reina a morte e sen embargo non é desesperada. Unha vida vivida desde o aceptamento da morte, sempre terríbel; o aceptamento do terríbel. E tamén, por así dicir, unha ...0