Nun texto narrativo que se achega aos límites do narrado para poder contar a historia dunha vida xa case na extenuación, Miguel Sande realiza unha procura no que queda dos sentimentos e na consciencia esvaecida do tempo. A través da palabra núa e sincera, da esgazada expresión da verdade dunha voz, a protagonista leva a literatura ao territorio inexplorado onde as emocións tecen e destecen o que queda dunha existencia. Este relato conmovedor, concibido cun sorriso de complicidade, conta a historia da anciá María, prostrada nunha cadeira de rodas, que pasa as tardes recluída nun cuarto da súa casa vendo como, hora a hora, discorren os días. Mira pola ventá e, de cando en vez, lembra fragmentariamente episodios da súa vida. Ata que un edificio en construción lle quita o único que lle quedaba: a posibilidade da contemplación. Para ela, a vida toda permanece detrás deses novos muros que a cercan, polo que non lle queda máis remedio que imaxinala.