Argumento de A Batalla Do Paraíso Triste
Entre 1940 e 1941 Europa arde baixo as lapas da II Guerra Mundial. Fuxindo das bombas e da barbarie nazi, milleiros de refuxiados acoden a Lisboa na procura dun visado que lles permita atinxir a liberdade. No medio daquela multitude está Antoine de Saint-Exupéry. O autor d O principiño residiu na capital portuguesa antes de marchar cara a América e definiuna como un paraíso triste. Fuxindo do París ocupado, Fernando Freitas antigo oficial portugués retorna ao seu país co obxectivo de cruzar o Atlántico. Con todo, os días son eternos na angustia da espera. Descuberta a súa verdadeira identidade, vese involucrado no medio da batalla que se está a librar na cidade entre os distintos servizos secretos, convertindo Lisboa nun niño de espías: un espazo de ambigüidades que se complica coa relación que Freitas vive coa actriz de revistas Catarina Gusmão. A batalla do paraíso triste de Xosé Ramón Pena é unha novela de acción e de espionaxe, pero tamén un relato de amores, esperanzas e desenganos; de amizades e traizóns: a crónica dunha Lisboa pobre e gris que a ditadura salazarista tenta ocultar co centileo dos hoteis de luxo e os espectáculos musicais.0