Argumento de Polaroid
Polaroid é un libro de narracións que enlaza tanto coa cultura underground dos anos setenta como co tempo da cultura pop, da produción de obxectos industriais de consumo en serie, do tempo dos medios de comunicación audiovisuais e da cultura da música pop anglosaxona. Mais tamén é un libro que trata das linguaxes, da lingua e os seus diversos niveis e usos; que xoga e experimenta coa linguaxe narrativa; que ironiza sobre a literatura e as súas retóricas; que utiliza, a partir da oralidade, todo tipo de materiais atopados, creados, manipulados para facer literatura. Considerado como libro aberto, e polo tanto conceptual e poético, Polaroid constitúe unha auténtica máquina de fabricar significados en todas as direccións, un artefacto literario para provocar cavilacións e emocións, para non deixar indiferente ao lector ou lectora. Tematicamente, aborda tanto as cuestións do tempo contemporáneo como da memoria, deitando unha mirada sobre o país, na ruptura co seu pasado, no esgazamento da cidade que esquece o campo, do presente que esquece o pasado. Un libro que ten o sentido e a alma esgazados. Un libro concibido para mergullarse no seu tempo e pelexar furioso contra el.0