Un cruceiro polo Mediterráneo, Tunisia, Libia, Malta. Uns ollos de cor verde intensa, coma o mar en días de temporal. E Patricia, agora casada co profesor que un día dirixiu a súa frustrada tese de doutoramento, que descobre na pequena filla Mencía a pegada dun amor esquecido que regresa para atormentala.
Alén dunha simple aventura, " O xogo de Babel " traza, desde os distintos puntos de vista e circunstancias dos protagonistas, un intenso triángulo amoroso complicado pola fidelidade debida a unha antiga amizade que, desde a infancia, une marido e amante.