Alguén explicou, unha vez, que envellecer viña sendo o mesmo que escalar unha gran montaña durante toda unha vida. A medida que se ascende faise máis lento e traballoso o camiño, pero, en troques, a mirada vólvese libre e a vista que ante nós se ofrece resulta dunha amplitude totalmente descoñecida, serena... máis reconfortante. Ana é unha de tantas mulleres que naceran na segunda década do século XX e que viu rota a súa vida pola marcha do seu ser máis querido á outra beira do océano na procura duns pesos... e por unha guerra que nunca tiña que ter comezado... pola soidade, pola xenreira. Séntese, cando era moza, case unha nena, na obriga de abandonar a súa casa, a súa familia, coa soa idea de afastarse de todo para sempre, tentando ao mesmo tempo fuxir dos recordos que ameazaban con relala por dentro. A cidade da Coruña acolleuna cos brazos abertos e alí permanece durante corenta anos. Consegue co tempo o seu propósito de borrar o pasado. As circunstancias lévana de novo á súa terra. Un fortuíto accidente condúcea a un fogar da terceira idade que construíron preto da aldea que a viu nacer. Desde alí pode contemplar a diario todos os recantos nos que reverdecen outra vez, as lembranzas que cría durmidas... Ana ten algo máis de sesenta anos...