Os autores parten da idea de que o alumnado debe manexar e comentar un bo número de materiais documentais da época (textos, gráficas, estatísticas, mapas, fotografías, obras de arte...). Por iso en cada unha das unidades temáticas están recollidos numerosos documentos que forman parte da información, é dicir, non son meros complementos dun discurso de autor, senón que son eles os que realmente proporcionan a información histórica; o traballo dos autores céntrase na organización e recollida desa información redactando un fío condutor que facilita ao alumnado a correcta comprensión da documentación orixinal.
Na selección desta documentación os autores incorporaron fundamentalmente fontes primarias accesíbeis e comprensíbeis para o nivel de ensino a que está destinado o manual. Os documentos escritos preséntanse convenientemente reducidos ás súas mensaxes básicas, destacando aqueles aspectos que máis interesaban para o tema a tratar. Na referencia bibliográfica dos textos consígnase sempre o autor, o título e a data da primeira redacción ou publicación sen especificar (por consideralo de escasa ou nula relevancia) a edición concreta que foi manexada. Ao comezo de cada unidade figuran enderezos da Internet e títulos de filmes que poden ser utilizados para completar a información do libro de texto.
O manual achega tamén un anexo final de técnicas de traballo pensadas par facilitar ao alumnado o traballo cos materiais documentais de carácter textual, gráfico e audiovisual.