Argumento de Dúas Letras
Esta edición inclúe o DVD (cos seus extras en forma de entrevistas con director, guionista, primeira actriz, making off, localizacións?), o texto literario, e dous traballos sobre a emigración galega a América, a cargo de Víctor F. Freixanes, e outro sobre a correspondencia entre as dúas beiras atlánticas escrito por Francisco Castro. Dúas letras gravita en torno a carta que non dá chegado, a misiva do fillo que está na emigración, pelexando co destino e a sorte, e a nai que espera a chegada da carta que lle dará, ademais de novas, algo de esperanza. Os autores foron quen de construir unha historia visualmente moi poderosa, rodada en branco e negro para suliñar a viaxe no tempo que nos propón, chea de tenrura e dureza. Un poema cinematográfico que está a engaiolar alí onde é representada. A xeira de recoñecementos comezaba no Festival de Cine de Bueu-2011, onde era galardoada co Premio do Público. Neste 2012, no cada día máis prestixioso festival de Cans, Dúas letras obtiña tres premios dos grandes. Por unha banda, os veciños déronlle o premio como Mellor Curtametraxe de Ficción, segundo recolle a acta: "porque é unha historia do mundo rural moi próxima coa que todos nos sentimos identificados. Tamén pola súa delicadeza ao presentar o sufrimento dunha nai que espera as cartas do seu fillo e porque todos coñecemos a historia dunha carta que estivemos esperando e nunca chegou". Igualmente, recibiu o premio do público á mellor curtametraxe de ficción, e, para rematar, un dos máis cobizados: o Premio do xurado á mellor interpretación feminina, dotado co Can de Pedra a Teresa Fraga, a protagonista. Segundo sinalou o xurado: "por ser un traballo veraz e emotivo. Nunca unha carta non escrita foi tan ben lida".0