Argumento de Bolxeviques 1917-2017
En 2017 a Revolución Bolxevique fai cen anos. Boa parte dos acontecementos deste século pode interpretarse en relación ao impacto internacional deses ideais revolucionarios e á forma como se puxeron en práctica: aliñamento de países e guerra fría, competitividade entre o bloque socialista e o bloque capitalista, enfrontados no campo ideolóxico mais tamén no tecnolóxico e no militar. Paralelamente, producíase un conflito subterráneo que rompía as fronteiras xeográficas: filosofías disidentes introducían esa cerna ideolóxica en novas esferas do pensamento; contraofensivas, como as políticas do benestar, controlaban o avance do socialismo en países capitalistas; concepcións artísticas, símbolos e vangardas sociais deseñaban un novo mundo. Todo se viu alterado. Cen anos despois, a vella garda comunista aproveitará para reivindicar o legado transformador do bolxevismo; o pensamento ultra-liberal para expor á luz algúns episodios de violencia e opresión na súa cara máis escura.
Este libro pretende ser a contribución galega para esa necesaria revisión; unha maneira de participar neste territorio da Galiza na voráxine, se non daqueles acontecementos, si da reflexión sobre o seu impacto histórico e ideolóxico. Bolxevismo e bolxevismo na Galiza.
Xerais e Através ofrecen xuntas un único libro en dous volumes de contidos diferentes, coordinado por Teresa Moure, marcando unha vía de confluencia e de inspiración para a convivencia das tradicións políticas e ortográficas de quen defende neste país a vitalidade da nosa lingua e do ensaio escrito nela.
Neste volume publicado por Xerais inclúense os traballos de Justo Beramendi, Xosé Manuel Carril, Oriana Méndez, Víctor Santidrián, Xoán Carlos Garrido, Julio Prada, Uxío-Breogán Diéguez, Francisco Rodríguez, Anxo Angueira, Antón Dobao, Natalia Poncela, Xosé Manuel Outeiriño e Rebeca Baceiredo.0