Labiche coñece moi ben os burgueses da súa época porque foi testemuña da súa evolución, da súa ascensión e dos seus éxitos. O autor, que procede tamén dunha familia burguesa e ben acomodada, soubo retratarse a si mesmo de xeito intelixente. Consciente dos defectos da súa clase social, Labiche soubo ter o suficiente espírito crítico como para retratala con lucidez e co necesario distanciamento. Evitando emitir xuízos de valor, Labiche debuxa e perfila as súas personaxes con mestría, non acusa nin sentencia, e deixa o lector que decida por si mesmo, que sexa espectador e tire da representación as conclusións que considere oportunas.