Tonas de lanraxa , a novela gañadora do Premio Xerais 2012, é, segundo os membros do xurado, un acto de amor á lingua, arrecendente, profundo, vivo, diverso e capaz de espertar a fame do lector ou lectora. Construíndo un espazo imaxinario e marabilloso, a novela, escrita a dúas mans por María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón, filla e pai, narra o que sucede nese espazo, chamado Moreira, no que se van tecendo as vidas, por veces insólitas, de moitos personaxes curiosos, fabulosos, entrañables, que se acomodan na imaxinación dos lectores e lectoras e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmosfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo.
A través de Uxío Oliveira, da súa cativadora avoa Aurora dos Santos, do inmigrante Amir Alfarat e da súa filla Oriana, do misteriosamente desaparecido Amaro e da curiosa peixeira Sofía Costa, e de tantos outros personaxes, os autores constrúen unha fabulación extraordinaria, que debulla os pequenos feitos que suceden na vila de Moreira.
Tonas de laranxa bota man dunha linguaxe enormemente rica e fluída, evocadora. O resultado é unha novela de engaiolante beleza e musicalidade. O tratamento do tempo e a importancia dos reloxos dota a novela, paradoxalmente, dunha estraña e doce sensación de atemporalidade, empuxando á pracidez, á beleza e ao preciosismo.