Argumento de ¡ Sireno, Sireno !
Partindo da imaxe da esculta de Francisco Leiro situada na Porta do Sol de Vigo a autora crea un mundo de fantasía. ¡Sireno, Sireno! é o relato, en primeira persoa, dun neno que acaba de sufri-la perda do pai por mor dun accidente de tráfico e non pode comunicarse coa nai, unha vendedora de enciclopedias, porque ela non é quen de saír do seu illamento. O neno refúxiase nun mundo onírico, no que o debuxo é a única vía de escape, pero só pinta en branco e negro porque vive nun mundo gris; nesa situación. A descuberta do Sireno, unha estatua deforme que se eleva nunha praza da súa cidade, desperta emocións intensas e contradictorias no seu interior. A partir de entón, sofre unha identificación fantasiosa que o axudará a camiñar na procura das cores. En palabras de An Alfaya, a autora, o Sireno sérvelle ó protagonista de escusa para saír da escuridade na que quedou preso trala morte do pai e descubre nela a beleza do deforme como aposta persoal. Unha fermosa historia, merecedora do Premio Merlín de 1997, que é un reflexo dun alma infantil sensible. Unha historia escrita co corazón, que a autora recomenda lela tamén co corazón, que aposta por afondar nas vivencias e nos sentimentos.0