Argumento de Río Bravo
Nun lugar do (nor)Oeste, á saída dalgunha revolta, atópase Río Bravo, onde os homes son homes e as mulleres tamén. Este musical trepidante esgota os estereotipos do «western» e ri de todos eles. A súa banda sonora consta de cancións breves dos máis variados estilos e compleméntase cun amplo dispositivo de sons incidentais e onomatopeas, configurando unha atmosfera propicia para ensanchar o imaxinario colectivo dun xénero tan icónico como os filmes de vaqueiros. Ambiente de salón e cadea, golpes e caídas, un elenco onde non faltan os tipos duros, a muller de mala vida, os indios, un xuíz, o telegrafista. Estreado en Santiago en 1990, Río Bravo é un claro exemplo de que o teatro de Chévere está feito para ser escoitado e visto ao vivo, explica a compañía. A presente edición, que marca o inicio da Biblioteca de Teatro de KALANDRAKA, baséase nunha versión posterior do espectáculo, do ano 2002.0