Argumento de Portugalizar
Como o seu propio subtítulo indica, Portugalizar é un manual práctico de portugués, preparado por Elisabete Pais de Jesus Ramos (profesora de lingua portuguesa da Universidade de Vigo), enfocado cara á aprendizaxe desta lingua por parte dos galegofalantes. Este libro é o resultado dun traballo para intentar mellorar pedagoxicamente o ensino de lingua portuguesa no ámbito universitario galego. A obra está estruturada en tres partes segundo o grao de dificultade dos contidos (nivel básico, nivel medio e nivel superior), o que lle concede unha gran versatilidade á hora de ser empregado tanto por persoas que se acheguen por vez primeira a esta lingua como por quen busque afondar en determinadas cuestións gramaticais de maior dificultade. En Portugalizar os contidos son tratados dun xeito moi práctico e visual, tendo en conta o público galego a que vai dirixido o manual e destacando aqueles aspectos diferenciais que presentan os dous idiomas, para facilitar a aprendizaxe. Portugalizar non se limita a ofrecer conceptos e procedementos para fornecer un coñecemento teórico da lingua portuguesa, senón que tamén pretende dotar ao usuario de competencias a nivel oral e escrito para poder manexarse lingüisticamente en diversos ámbitos e contextos cotiáns de uso.0