Argumento de Os Aforismos Do Riso Futurista
Este volume constitúe unha achega colectiva a un xénero non moi traballado na literatura galega: o aforismo. Un conxunto de 48 autores das máis diversas traxectorias e xéneros desprega un variado repertorio de enxeño, lucidez e creatividade a través da chispa da imaxinación, do bisturí da análise e da cortesía da brevidade.
Estilos moi variados. Estéticas plurais. Cosmovisións intelectuais diversas. En definitiva, todos os posibles camiños estéticos, conceptuais e formais aparecen nestas sentenzas, apotegmas, reflexións aforísticas do noso tempo, cunha temática que vai da denuncia á observación lúcida, da evocación poetizadora á máxima moralizante, da reflexión ontolóxica á sátira social, do ferrete contra un vicio ou unha vexación á revelación do mínimo, do sutil, do dificilmente apreixable e expresable.
O aforismo, un xénero en verdadeira expansión na actualidade, recibe así un pulo extraordinario na nosa tradición cultural. Un xénero breve e incisivo, acaído á vertixe dos tempos que corren.0