Obra de concepción formal que obedece á estrutura clásica -formulación, nó, desenlace, aínda que estea dividida como se fose saboroso e completo xantar: entrante, acto (prato) único e sobremesa-, que o autor domina á perfección, é unha peza sinxela e dixestiva, mais cargada dunha sutil ironía e vestida con símbolos cotiáns facilmente identificábeis.
O vendedor de amendoíns inscríbese na esteira do "desbarato" mallorquino, que Llorenç Villalonga elevou a obra de arte. Nesta peza, Joan Guasp usa dunhas situacións próximas ao teatro do absurdo, mais, como afirma Gabriel Sabrafin, un absurdo que desemboca na caricatura. Unha caricatura crítica, sobre todo, das institucións que asoballan o ser contemporáneo e mais da falta de comunicación entre as propias persoas.