Esta evolución non foi exclusiva de Galicia, senón da maioría das rexións peninsulares e europeas, adoptando deste xeito unha vestimenta diferenciada fronte á unificación cada vez máis intensa propiciada polas modas e a industria téxtil.
En xeral, trátase dunha indumentaria con características de seu, confeccionada polas mulleres da casa, e as costureiras e os xastres locais, utilizando basicamente tecidos e elementos ornamentais autóctonos, ata que coa mellora das comunicacións empezaron a chegar de fóra, en casos de moi lonxe.
Ao longo do século XIX a convivencia entre esta roupa e a considerada moderna, convértese nunha calada loita de clases, da que saíu triunfante a segunda, pasando por unha etapa «de transición» en que se mesturan elementos de ambas, sendo os máis representativos o pantalón e o chapeu, fronte aos tradicionais calzón e monteira.
A súa decadencia comeza a manifestarse dende mediados do século XIX, sendo xa crítica nas últimas décadas, en que se empeza a usar como folclórica, principalmente por parte de agrupacións musicais.
Os románticos foron os primeiros e fixarse na importancia do traxe popular, un dos piares da nosa idiosincrasia, xunto coa lingua, a música, a arquitectura e as tradicións.