Argumento de O Rei Dos Ameneiros
Edicións Xerais de Galicia vén de publicar unha nova opera prima, a novela O rei dos Ameneiros, de Antonio Rodríguez Baixeras (Ribadeo, 1950). Nela aparece un breve período (o tempo que vai desde febreiro ata o fin do verán de 1911) da historia da casa grande de Lagares, na Mariña luguesa, e as súas relacións sociais e económicas co medio rural e vilego, mesmo con outros lugares non galegos. O mesmo tempo, relátanse os tamén breves, aínda que decisivos, días dun tal Pulpeiro, comerciante, de ideoloxía e con afáns ``rexeneracionistas´´ retirado á aldea coa súa filla Rosa e que entra en contacto cos señores de Lagares, Dona Clara e o seu fillo Gonzalo, e mais con outros personaxes tamén significativos no relato: labregos, caseiros, administradores, banqueiros, burgueses liberais e conservadores ou, simplemente, tolos ou vadíos. Trátase, en xeral, dun panorama desa sociedade da época a partir dunha documentada análise dos condicionamentos que posibilitaron (e posibilitan) a parálise da nosa sociedade e mais a frustración, en moitos
casos, do desexo de mudanza, ou, cando menos, de reforma.
Escrita cunha técnica marcadamente realista ó servicio duna procura de ``sensación de verdade´´, de mundo vivido e asimilado, dá tamén cabida a certos elementos fantásticos que a propia realidade crea, isto é, que poden acontecer de verdade, ou ben, que poderían provir das fantasías ou devaneos dos mesmos personaxes. Calquera que sexa o valor que o lector lles conceda, parece indubidable, en xeral, o seu carácter alegórico, en coherente relación co simbolismo de certos obxectos, como son " as cartas " , a palabra que inicia a novela e que, finalmente, acabará sendo definitiva protagonista da mesma: miles de cartas, a maioria perdidas ou estériles, enchen estas páxinas, escritas con estilo dunha feitura clásica, non acrentes de humor.