Argumento de Lg295. 1q84. Libros 1 e 2 (g)
O día 1 de febreiro poñerase á venda 1Q84, a nova novela de Haruki Murakami. Editorial Galaxia publícaa en galego ao mesmo tempo que o libro se lanza noutras linguas do mundo. Trátase dun dos proxectos máis ambiciosos do escritor xaponés, 932 páxinas das que xorde un universo novelesco único, un magma narrativo poderoso, unha ficción que ilumina oblicuamente o mundo no que estamos a vivir. Aomame é unha asasina que non deixa trazas nas súas vítimas, coma se finasen de morte natural. Tengo é un profesor e autor inédito ao que lle piden que reescriba unha novela abraiante mais imperfecta. E Fukaeri é unha estudante cuxos pais, membros dunha comuna chamada Amencer, levan sete anos desaparecidos. A novela desenvólvese sobre o pano de fondo da historia contemporánea, das sectas relixiosas, do maltrato e da corrupción, un universo enrarecido no que o narrador escarabella para desvelar outra realidade oculta. Traducida directamento do xaponés para o galego por Mona Imai e Gabriel Álvarez, 1Q84 é o terceiro título de Murakami publicado por Galaxia, que antes tirara do prelo a novela Tras do solpor e o libro Do que estou a falar cando falo de correr.0