Naqueles anos, xa afastados, Chao e Ramonet, Ramonet e Chao, acometeron a difícil tarefa de participar a dúas voces, como no seu momento fixeran Neruda e Lorca no discurso de agradecemento dunha homenaxe que lles tributara o Pen Club de Bos Aires, na busca de respostas a un mundo en crise. Daquela, comezaron unha serie de entrevistas a algúns dos persoeiros máis relevantes do momento, aqueles que polo seu pensamento ou a súa obra eran referentes para pensar o mundo.
Neste libro recóllense algunhas desas entrevistas, publicadas orixinalmente na revista Triunfo, que, malia os anos pasados, non deixan de estar de actualidade, como a realizada a Leonardo Sciascia, analista metódico da mafia e das accións violentas das Brigadas Vermellas, a Michèle e Armand Mattelart, que teorizaban sobre as novas orientacións da información, a Gabriel García Márquez, que neses momentos iniciaba a guerra contra a información monopolística, ou a Costa Gravas, que con Z e Missing principiaba o seu labor cinematográfico contra as ditaduras, que agora prosegue contra o neoliberalismo.
Non se pode dicir que esas entrevistas non 'avellentasen', pois é obvio que os anos tamén pasaron por elas, como por todos nós. Porén, pareceunos tan interesante ver a evolución deses personaxes como reconfortante comprobar que, aqueles que viven, seguen a crear obras e teorías na mesma dirección que hai un cuarto de século e que, en xeral, os que desapareceron foron fieis á literatura e á xustiza.