Argumento de Floreano
Este libro recolle catrocentas tiras das publicadas por Gogue en Faro de Vigo na súa sección Floreano organizadas en tres apartados: De mulleres, chiñas, rubias e varios, De curas, monseñores e eminensias e De tasas, viños e loureiros. Constitúe a primeira gran antoloxía dos personaxes creados polo humorista do Grove: Floreano, Monchiña, Epifanio, Cachiña, don Ramón o cura, Charito e Fly. Abre o volume o texto, Floreano, My Way, limiar de Alberto Avendaño, director de Tiempo Latino. Floreano e mais eu cumprimos os 25 anos en paralelo, el nas páxinas do Faro de Vigo e eu nas rúas migratorias dos Estados Unidos. Eu creo na liberdade de expresión e Floreano é a expresión da liberdade. Floreano é paródico e saudoso, eu vivín a parodia en Galicia e vivo a saudade en Washington. Floreano, aínda que non o pareza, nunca fai comentarios de actualidade transcendental; limítase a doar os seus órganos vitais cerebro, lingua e outras partes brandas para o melloramento da humanidade. Eu nunca me atrevería a tanto. Floreano é un heroe accidental, un mártir despistado, un home sen segundas porque pensa que conduce un coche automático. Niso tamén somos diferentes. Floreano debe ser declarado Patrimonio Intanxible da Humanidade aínda que a el o que máis lle gusta é tocar. (...) Se lle preguntas a Floreano como lle vai a vida, espétache: My Way! Se mo preguntas a min, eu dígoche: Do carallo! E cando Floreano e mais eu cantamos a dúo, con Sinatra na casete do dous cabalos gris, e chega aquilo de I did it my way!, nós os dous que non falamos galego normativo erguemos as cuncas de tinto ao ceo e aturuxamos en perfecta de-sintonía: Man-da-ca-ra-lloooooo! Gracias, GOGUE. Thank you, Floreano. Do limiar de Alberto Avendaño0