Argumento de Estremas
O libro de Ana Romaní podería ser o comezo dun diálogo entre corpo e lingua, coa literatura como único lugar desa posibilidade. Xunto a esa exploración dos límites do expresado, en Estremas tamén hai "un xeito de persistencia", a busca dunha xinea nova ou a unha lectura nova diso que "arde sen liñaxes" e no que se pode albiscar unha liberación. O poema asenta os pés na furia e na vertixe, rebélase incómodo e respira exhausto nos silencios que abre. É unha urxencia de si mesmo para comprender, indaga nos lindes da súa propia sustancia, na causa que o alimenta. En Uadi Al Hitan, o val das baleas, no deserto occidental de Exipto, a poeta percorre a memoria dun soño, procura os lindes da súa perda, escava e abeira á procura dunha nova posición, doutro lugar. As palabras como restos dunha transformación esencial, tal os fósiles das baleas de Uadi Al Hitan, testemuño da metamorfose de animal terrestre en animal acuático. Por iso, en Estremas as liñas de tensión esgazan a carne e a linguaxe, os discursos gravan as súas marcas nos corpos e a vida expón as osamentas no terrazo. O poemario esta atravesado polo carnal, pola identidade como busca, como liberación.0