Argumento de Espido de Gina, o
Recordos de infancia, de mocidade e de madureza, nutridos na inmensidade da sala escura mentres a pantalla nos amosaba secuencias inesquecibles, personaxes memorables, tramas asombrosas. Mudaron os vellos cines, de olores singulares, de carteleiras coloreadas, de programa dobre e sesión continua, de cine dominical e festivo. Pero non mudou a capacidade do cine de provocar emocións.
En O espido de Gina, Miguel Anxo Fernández, escritor e cinéfilo, sérvenos un cóctel peculiar no que, usando dunha voz en off coma a de Fernando Rey en Bienvenido Mr. Marshall, un xornalista da ben identificable vila galega de Valdesantos, relata unha crónica na que se pode rastrexar o misterioso motorista de Amarcord, a mala relación entre o proxeccionista Alfredo e o crego Adelfio en Cinema Paradiso e o proxeccionista Luigi e o exhibidor Jordan en Splendor.
Atilano, don Nemesio, Manfredo, Valboa, Lambón, Mariví e o peculiar taberneiro Dousreás, forman o universo de Valdesantos, que ve alterada a súa paz de vila galega da década de 1960 cando os do cine Central anuncian a proxección da película Espida fronte ao mundo, protagonizada por Gina Lollobrigida. Ademais, a novela achega un retrato sociolóxico dunha época onde unha boa maneira de fuxir da intolerancia, do conformismo, da rutina e dos "25 anos de Paz" da propaganda oficial, eran as películas do Central e a televisión en branco e negro do café Moderno.0