Argumento de Dicionario Enciclopedia Do Pensamento Galego
Este Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego, coordinado por Andrés Torres Queiruga e Manuel Rivas García e redactado por corenta e seis persoas, trata de conxuntar un dicionario de pensadores galegos e unha visión temática que permita encadrar o labor máis directamente filosófico no campo xeral da nosa cultura. De aí a súa división en dúas partes: a primeira, un dicionario de autores, e a segunda, unha enciclopedia que complementa temas, ideas e persoeiros que propiamente non caben na primeira. Deste xeito, o Dicionario, en orde alfabética, permite un percorrido polo enteiro transcurso da nosa historia intelectual e da achega realizada por cento dez autores, mentres que a Enciclopedia propicia un amplo encadramento nos diversos campos da cultura: antropoloxía, pensamento científico, dereito, economía, estética, exilio, feminismo, literatura, matemática, medicina, nacionalismo, pedagoxía, política, prensa e relixión. Por último os índices onomástico e temático permiten diversos percorridos, que, conxuntando sincronía e diacronía, poden axudar a unha visión máis integral e realista da nosa cultura. A nómina de pensadores da primeira parte chega aos nosos días, ocupándose con maior profundidade dos autores fenecidos e delimitando a extension das entradas consonte á importancia do seu pensamento. Para os autores vivos acudiuse, cando foi posible, á información dos propios interesados, adoptándose un criterio de estrita austeridade informativa, cinxíndoa a datos biográficos ...0