Escrita entre 1969 e 1970, cando o autor tiña dezasete anos, esta é a primeira novela en galego de Anxo A. Rei Ballesteros. Nunha Compostela case fantasmal, dominada polas torres das igrexas e os lampexos engaiolantes dos bares. Dezanova badaladas conta o deambular nocturno de Nolo, que deixou a aldea e sae da casa na compaña de tres amigos para se divertir con fartura gastando a súa primeira paga mensual de obreiro. Coma unha estadea urbana que se ensume no corpo da noite, a novela traza o percorrido dos personaxes arredor dun desacougo íntimo que o inza todo. A sensación estraña de sentirse foráneo -fóra de lugar- na propia vida. Viaxe ao cabo da noite, paseo polo pracer e a morte, novela de aprendizaxe e metáfora da existencia, velaquí o preludio esencial á obra dun autor maior.