Aventuras interminables, batallas navais, treboadas mariñas, arrepiantes escenas de terror e tenras escenas de amor, lendas populares e históricas... conforman a iconografía histórica de Costa do Solpor. A novela sitúanos nunha aventura ambientada na costa galega de mediados do século XVIII, facéndonos partícipes das angueiras da vida cotiá daqueles anos.
Costa do solpor comeza cun manuscrito onde un descoñecido escritor británico de finais do século XIX narra as aventuras que dan conta das peripecias dunha goleta inglesa cargada cun fabuloso tesouro. Tras unha cruenta loita cos piratas no Caribe, a goleta regresa ao punto de partida, no porto de Bristol, pero unha tormenta obrígaa a buscar refuxio nunha baía da galega Costa do Solpor. Un membro da Confraría da Man Morta, decatándose da importancia da carga, marcha a uña de cabalo á cidade da Coruña e avisa o capitán dun bergantín pirata fondeado nese porto. O bergantín sairá ó encontro da goleta coa intención de lle incautar o tesouro. Logo da abordaxe, o grumete da goleta logra salvarse gañando a costa a nado. Os piratas perseguirano a morte pero o rapaz inglés logra facerse amigo dun mozo e unha moza da beiramar e tratan, xuntos, de liberar a goleta e salvar os seus tripulantes.
Unha emocionante novela de aventuras, que foi finalista do Premio Xerais 2011.