CONFLITO LINGÜÍSTICO E IDEOLOXÍA NA GALIZA A situación do galego como síntoma. Os leitores e leitoras teñen na man un libro fundamental na historia moderna do galego e unha peza clave na sociolingüística do noso país. A publicación en 1976 de Conflito lingüístico e ideoloxia na Galiza supuxo un fito na análise, interpretación e diagnóstico dos problemas do galego en conexión cos problemas de estirpe económica, social e política que a nosa nación padece. Ao tempo, facía a deseción das principais ideoloxías que se proxectaban sobre o idioma e das expectativas que delas se desprendían. Laiovento publicou a terceira edición deste libro en 1991, e a cuarta, corrixida e enriquecida con novos textos, en 1998. Agora aparece esta quinta edición, primeira dixital, notoriamente aumentada con análises sobre a política lingüística oficial, a mobilización popular contra ela, a conciencia social sobre o idioma e o seu estado como síntoma, no que vai de século XXI. Desta forma, a través deste libro o lector pode decatarse de como evolucionou a situación lingüística na Galiza desde a década dos setenta do século XX até hoxe, practicamente 50 anos, tirando as conclusións oportunas sobre as mudanzas cuantitativas e cualitativas que se produciron. Este libro, nesta quinta edición, primeira dixital, amplía a súa utilidade, a súa validade, a unha cuestión clave na vida dunha lingua oprimida como o galego: proporciona o modelo teórico e as pautas de comportamento lingüístico precisos non só para comprendermos o conflito lingüístico que vive este país, senón para remontalo a executar unha prática normalizadora merecente de tal nome, isto é, que poña como obxectivo central da preocupación polo galego a súa restauración social, através da plenitude de usos e funcións. No panorama bibliográfico galego ?tan necesitado de páxinas esclarecedoras a respeito do idioma?, este libro de FRANCISCO RODRÍGUEZ (cuxas publicacións sobre Rosalía de Castro, Curros, Castelao... e outros moitos aspectos da lingua e da literatura galega reorientaron de maneira decisiva o coñecimento e a interpretación destas producións), segue resultando único polo seu rigor, o seu axeitado aproveitamento do máis científico e actualizado da sociolingüística mundial e a súa constante preocupación por facer análise científica, ao servizo dunha causa que non admite demoras nen trampas: a recuperación do idioma galego.