Argumento de Cegoñas no Fondo Da Ría
Cegoñas no fondo da ría é un conxunto de vinte e cinco relatos que recollen outros tantos episodios da historia de Pontevedra nos que os feitos reais se prolongan polos vieiros da fantasía a través de prodixiosos exercicios de imaxinación. Cunha traza de perfecta verosimilitude, vemos desfilar polas rúas antigas desta cidade persoeiros de proxeccción universal como Xulio César, o Preste Xan, Góngora, Carlos de Médici, don Dinís de Portugal, Jules Verne, Michael Curtiz, Elvis Presley, Hemingway ou Buffalo Bill. Asistimos á convivencia entre humanos e sereas, mouras, princesas meigas, santos laicos, exércitos aztecas, alquimistas, mulleres de ciencia clandestinas, mortos revividos; e revisamos sucesos transcendentes como o Diluvio Universal de Pontevedra, o descubrimento da pedra de Rosetta da cultura castrexa, o desembarco dos atlantes, o misterio do coloso de Tambo, a queima da Biblioteca Panxeica, a lenda do Pontevedrés Errante, a chegada da Gioconda ao Museo Provincial, a aterraxe do primeiro dirixíbel ou a construción dunha réplica da cidade na selva africana. En palabras de Luís Bará, autor do Limiar, «seguramente moi poucas cidades no mundo poderán presumir de contar cun corpus de crónicas tan cheas de sucesos transcendentes e, nunca mellor dito, marabillosos.»0