Canción de solpor é un deses textos que teñen marcado xeracións na súa lingua orixinal e que as Irmás Cartoné estamos certas de que pode facelo tamén na nosa lingua. Escollida en 2005 como a mellor obra da literatura escocesa, esta espléndida novela publicada por Lewis Grassic Gibbon en 1932 ofrécenos un apaixonante canto de amor á terra e un cru relato dun mundo e dunha forma de vida que esmorecen.
Centrándose en Chris Guthrie, unha moza que, ante a disxuntiva entre a dura vida labrega no rural escocés e o mundo atraente pero remoto dos libros e a educación, escolle permanecer na súa comunidade, Grassic Gibbon mergulla o lector nun magnífico relato do convulso paso dunha era á seguinte. Pois, nun tempo no que a mecanización comeza a mudar o traballo do campo, a irrupción da Primeira Guerra Mundial sacode a vida de Chris e da súa comunidade mudándoo todo para sempre.