A casa ten tres andares. No primeiro viven os cans e mais os gatos, que comparten cuarto de baño. No segundo as tartarugas e os hámsteres, que comparten outro cuarto de baño, e no terceiro os xílgaros e os periquitos, que tamén comparten outro cuarto de baño. Os únicos que non comparten aseo son os que dormen na planta baixa, a que está máis preto do mar e máis lonxe do ceo, o rato Honorato, que ten baño propio e o moucho Pancho, que prefire para todo o aire libre.
A casa ten na porta da entrada un letreiro que di: «A casa máis animada do mundo».